Nuclear? Non, grazas!
*Os Verdes tamén piden o peche inmediato de Garoña e o abandono da enerxía nuclear.*
*Os Verdes lembrou unha vez maila súa oposición á enerxía nuclear que consideran como perigosa, nada adaptada a unha sociedade descentralizada e do aforro enerxético e que loita de maneira eficaz contra o cambio climático. A candidata por Pontevedra de Os Verdes, Ana González, pediu en cambio un plan ambicioso para o desenvolvemento e o investimento na eficiencia enerxética, o aforro e as fontes renovables de enerxía.*
*Pontevedra: 24-02-09:* A candidata de Os Verdes por Pontevedra pediu esta mañá en solidariedade cos seus compañeiros vascos o peche inmediato de Garoña e o abandono definitivo da enerxía nuclear. Lembrou que “*os avances nesta materia foron posibles grazas á acción conxunta dos Verdes nas institucións, a través dos deputados dos Verdes no Congreso (Francisco Garrido e Joan Oms) e da presión das asociacións ecoloxistas. Sen embargo, hai que dar máis pasos e, polo tanto, a presenza do partido ecoloxista no Parlamento galego será determinante á hora de saír da era da enerxía nuclear.”*
Engadiu a candidata de Os Verdes que “*a enerxía nuclear suma máis desvantaxes que vantaxes**: risco de accidente, xestión dos residuos radioactivos, proliferación nuclear. Por iso Os Verdes nos opoñemos ao uso da enerxía nuclear tanto civil como militar que representa un risco para a paz mundial. Por outra beira é unha enerxía centralizada, moi cara e que necesita un alto nivel de seguridade que ningún Estado pode asegurar. Ademais é unha enerxía que crea unha forte dependencia co exterior xa que o uranio se compra a países fóra de Europa e cuxa inestabilidade política non asegura un subministro seguro (o Chad, por exemplo). Por último non é unha alternativa contra o cambio climático. Fronte ás mentiras vertidas polos sectores pro nucleares, varios informes realizados polos Verdes no parlamento Europeu indican que se se ten en conta o ciclo de vida enteiro da enerxía nuclear (extracción do uranio, subministro a Europa, construción das centrais, xestión dos residuos, etc.), esta produce máis C02 que as enerxías renovables.”*
Así mesmo proseguiu e indicou que “*Os Verdes nos opoñemos á prórroga da explotación da central de Garoña e avogamos por un calendario de peche das nucleares que non pode superar os 20 anos** para poder efectuar con todas as garantías e seguridade posibles a transición para un novo modelo enerxético sostíbel*.” Lembrou que Garoña sofre graves problemas de agrietamiento en compoñentes fundamentais para a seguridade, está completamente amortizada e ademais a súa produción eléctrica é marxinal. Por outra beira os altos custos sociais e ambientais que se soportan no contorno das centrais nucleares esixen unha compensación e un seguimento epidemiolóxico sobre a incidencia das centrais nucleares na saúde das poboacións. Recalcou que “*ademais do peche de Garoña, Os Verdes propoñeremos o impulso dun proxecto alternativo de Planta de Silicio de grao fotovoltaico, para o procesamento de silicio apto para a construción de paneis solares, co que sería posible xerar postos de traballo e abaratar considerabelmente os prezos de fabricación de paneis solares, incrementando a dispoñibilidade de materia prima de produción interior.*”
Así mesmo Os Verdes pedimos o peche progresivo de todas as centrais nucleares do Estado español así como *un plan ambicioso a nivel galego, estatal e europeu para o desenvolvemento e o investimento na eficiencia enerxética, o aforro e as fontes renovables de enerxía*. Terminou Ana González explicando que “para seguir co traballo conxunto coas asociacións ecoloxistas, o partido verde galego propón unha lei sobre enerxía renovable que permita chegar a un consumo enerxético de 25% de renovables no 2013 e loita por unha estratexia galega para reducir as emisións nun 80% en 2050, reducir o consumo enerxético nun 20% no 2012.”










Comentarios Recentes